0

QUICO CADAVAL... 30 ANOS A CONTAR HISTORIAS. NOTAS DE RODAPÉ

€0.00
In stock
Product Details

Quico Cadaval leva trinta anos a calcar os distintos camiños da memoria e da imaxinación. Tende a perderse e a reatoparse, sempre coa axuda do público. Os seus espectáculos pertencen a un movedizo mundo escénico que foi definida de distintas maneiras. Teatro da palabra, narración oral escénica ou literatura ao vivo, foron alguns dos xeitos de designalo. É un espectáculo mestizo entre o conto de lareira, o cabaret literario e o teatro épico.

Escoitar estorias de viva voz é unha das maneiras mais económicas de viaxar. A imaxinación da persoa que escoita na penumbra sobe como unha bolla de xabrón, seguindo, ás veces coa lingua de fóra, a imaxinación do contador. Outras veces as bollas de xabrón do público únense e fórman a imaxinación colectiva. A forza do público, neses casos, faise poderosa e adianta a tímida imaxinación do contador, desprezando o perigo das curvas, rebordando os limites da realidade. Contar e escoitar estorias é un camiño ao inesperado.

Por iso, en Notas de Rodapé, Quico Cadaval, ademáis de revelar os truques e segredos do oficio, reclama a colaboración e o protagonismo do público. Os contos están feitos de anacos, de memorias, de lembranzas instantaneas, de experiencias inventadas. Pode tratarse da letra dun libro que entrou com sangue, da lembranza dun terror infantil ou dunha escena de western. As estórias énchense de prólogos e epílogos, mais sobre todo, de notas de rodapé. Comentarios para facer o conto mais divertido, mais elocuente, mais esclarecedor. Quico Cadaval, no transcurso do show, reclamará do público que faga perguntas, que o interroguen, que o obriguen a revelar o que nunca contou. E Cadaval responderá, mais a resposta sempre será outro conto, que se xunta ao conto infinito da humanidade. O espectáculo comeza cun morto nunha encrucillada, (a estoria que mais veces contou) e remata co conto mais fermoso do mundo. Polo medio, o que mande o público.

No Teatro Principal de Santiago presentouse por primeira vez o espectáculo Notas de Rodapé. 30 anos a contar estórias. Organizado polo festival Atlántica, congregou unha chea de espectadores mais os que ficaron fóra a protestar. O éxito debeuse a que se estendera o boato de que o artista estaba a despedirse dos escenarios. Era falso. Tamén foi importante que as persoas que encheron o teatro saben que cada vez que se conta unha estória pode acontecer un milagre, un prodixio, un vindeover. Era certo.

Share this product with your friends
QUICO CADAVAL... 30 ANOS A CONTAR HISTORIAS. NOTAS DE RODAPÉ