O PORCO DE PÉ (2022)
O PORCO DE PÉ: Teatro de fenómenos
O Porco, o animal totémico dos cocidos e dos entroidos, toma os teatros para demostrar a sua superioridade sobre os seres humanos. O que presenta Excéntricas é un teatro de barracón, aquel que, na infancia, nos fascinaba e nos asustaba a partes iguais. Un farol mortizo, un chan de serrín, unha cortina vermella e, de súpeto, aparece o porco en elegante pose de equilibrista a sosterse sobre os pés, a finxirse un ser humano con tanta graza, que resulta imposible distinguilo.
Vai para cen anos, Vicente Risco
detectou unha nutrida presenza porcina vestida con elegantes abrigos e chapéus
a confundirse cos propios burgueses. Descobreu que estaban entre NÓS! A divertidísima sátira do ourensán, a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabarete, ten hoxe mais vixencia que nunca. Nesta viaxe á fascinante década do 20 do século XX, pasarán, como nunha linterna máxica, anarquistas, capitalistas, agraristas, proxenetistas, golpistas, vangardistas, caciquistas, cupletistas, mentalistas, futuristas, e budistas.
Producións Teatrais Excéntricas inventa, para reinventar este retrato de NÓS, un teatro de fenómenos cheo de monstros de barracón. Unha sucesión de grotescos personaxes, caricaturescos como marionetas, representan dende os principios da farsa popular, a aguda visión do míope Risco. Unha historia de corrupción política e de amor, pasada polos espellos deformantes do parque de atracción.
A estrea mundial d’ O PORCO DE PÉ
foi o 31 de marzo de 2022 no Teatro Principal de Ourense. En menos dunha semana, cerca de 2.000 persoas aplaudiron o esforzo dos artistas, maravillados da capacidade de transformación e multiplicación que exiben. Ao final, só saen três a agradecer os aplausos, mais polo escenario pasaron Madame Blavatski, o Elocuente Pregoeiro, o Porco Celidonio, Baldomero García, o Alfaite Nogueira, Dona Nicasia, O Doutor Alveiros, os cabezas parlantes Outeiriño e Forcadela, o Advogado Barbeito, Lolita Piné, os Siameses de Ventosela, Suso e Clodomiro, o Conde, a Venus Victrix, as Criaturas Soñadas (o Anarquista, a Porca Vingativa, o Niilista, a Fascistoide, o Matachin Bolchevique) a Tenista Celidonia, Miguel Primo de Rivera, a Muller-Araña, o Demo e xentes que van á homenaxe a Don Celidonio.
O Caleidoscopio de Risco pasado polo Barracón de Excéntricas!
Espectáculo gañador de 3 Premios de Teatro María Casares a Mellor Actor Secundario (Evaristo Calvo), Mellor Adaptación (Quico Cadaval e Pepe Sendón) e Mellor Escenografía (Carlos Alonso). Gañador de un Premio Maruxa Villanueva (Patricia Vázquez) e finalista nos Max na categoría de Mellor Actriz Protagonista (Patricia Vázquez).
EQUIPA ARTÍSTICA E TÉCNICA
ELENCO
Patricia Vázquez
Victor Mosqueira
Evaristo Calvo
ESCENOGRAFIA E VESTIARIO
Carlos Alonso
ILUMINACIÓN
Octavio Mas
BANDA SONORA
Piti Sanz (coa colaboración de Ro Muñoz e Adrián Arias)
DESEÑO GRAFICO
Javier de la Rosa – Milicia Gráfica
MAQUINARIA E SON
Pepe Quintela
FOTOGRAFÍA
Sabela Eiriz
VÍDEO
Natasha Lelenco
UNIDADE DIDÁCTICA
Fundación Vicente Risco
XEFE DE PRODUCIÓN
Rubén G. Pedrero
AXUDANTE DE DIRECCIÓN
Pepe Sendón
AUTORÍA
Vicente Risco
DRAMATURXIA
Pepe Sendón e Quico Cadaval
DIRECCIÓN
Quico Cadaval
Material de Difusión e Promoción dispoñible para descarga premando no enlace.