Tienda

0

Mofa e Befa - Cranios Privilexiados... ou Crítica da Razón Perralleira (2017)

924
€0.00
In stock
1
Product Details

Logo de vintecinco anos arriscando o pelexo sobre todo tipo de palcos e tablaos, tanto flamencos como euskaldúns, en festivais de teatro clásico e anódinos bares universitarios, en desaparecidas salas alternativas ou nos desabrigados cortellos das redes teatrais do estado, o celebrado dúo cómico Mofa e Befa enfronta pola primeira vez na súa dilatada traxectoria o metálico ardor da dúbida. “E agora que?” , sería o seu particular remedo da dúbida metódica cartesiana, aquela que obriga aos dubidantes a desconfiar de todo o que os arrodea, a comezar por si mesmos, postulando ademais a existencia dun xenio maligno, tal vez un escuro funcionario da Xunta de Galicia, responsábel de os conducir por errados camiños e empurralos por derivas pouco sustentábeis desde un punto de vista racional. É hora de pensar, non queda outra.

E esa é a gran pregunta. De que vai iso de pensar? Unha pregunta que trae aparellada a súa propia revelación, porque se do que se trata é de aprender a pensar, por que non superar todas as dúbidas como dúo cómico facendo un espectáculo sobre a propia ciencia do pensamento, coñecida desde hai dous mil quiñentos anos polo enigmático e farfallado nome de “filosofía”?

En semellante acto de coraxe é onde se evidencia de vez o carácter indómito de Mofa e Befa. Pois mesmo sendo conscientes de que o pensamento non está de moda, nin forma tampouco parte das destrezas naturais das súas personaxes emblemáticas, e coa certeza case absoluta de que un espectáculo filosófico pode representar o final definitivo da súa carreira artística, ambos os dous ousados entréganse de ollos pechados á árida tarefa de transcender os seus vintecinco anos de alianza sobre o palco cun espectáculo de fondo calado metafísico e oportunísimas reflexións sobre a vida, a actualidade galopante e as grandes preguntas da humanidade.

O noso dúo, lonxe de pretender facer, ou non só, un retrato global e malicioso da época, conténtase antes con examinarse a si mesmo sobre o palco, e determinar até que punto desenvolveran nestas dúas décadas e media o seu programa orixinal, establecido nun documento histórico intitulado “Manifesto para un Teatro Perralleiro” , hoxe obxecto de animadas disputas nas poxas de Sotheby´s ou Christie´s. Velaí que o seu novo espectáculo, Cranios Privilexiados , poda ostentar sen vergoña o subtítulo de Crítica da Razón Perralleira , como unha sincera e humilde tentativa de establecer os límites e capacidades actuais do perralleirismo como bela arte, como outros trataron de verificar os límites da razón pura, da razón dialéctica ou da razón cínica. A crítica da razón perralleira fai seu o vello lema freudiano de que hai dúas maneiras de ser felices, unha, facerse o idiota e outra, ser idiota directamente. Non pretenderá modificar o curso do pensamento occidental, pero si alumear un espectáculo no que tal vez a filosofía e a comedia acaben por facer as paces, cando menos, de modo provisional, logo de dous mil quiñentos anos de sincera desavinza.

Polos motivos xa confesados, “Cranios Privilexiados ou crítica da razón perralleira” , o novo espectáculo de Mofa e Befa, proponse como un regreso ás orixes, á procura da raíz e do impulso cómico que animou a carreira destas dúas luminarias do xitanismo ilustrado. E no principio, claro, era o biombo.

Pola primeira vez nun espectáculo de Mofa e Befa, o biombo será abatido pola transparencia, presentado na súa esencia máis abstracta como simple marco conceptual: a fronteira entre o mundo das aparencias, o espazo onde a acción cómica ten lugar, e o mundo da verdade, o espazo invisíbel onde os actores se maquillan e perfilan aquilo ao que Diderot chamou o paradoxo do comediante: a súa cínica pretensión de conmover ao público cun control absoluto das propias emocións.

O diálogo filosófico, xénero referencial do espectáculo, vai fornecer toda unha galería de personaxes susceptíbeis de ser conxurados sobre o palco por Mofa e Befa, desde filósofos históricos, como Sócrates, Pitágoras, Kant ou Nietzsche, até filósofos totalmente descoñecidos, como Polemón, o máis grande filósofo galego de todos os tempos, e que curiosamente é o pai de Mofa & Befa,

Outros motivos filosóficos alimentarán o caudal argumental de Cranios Privilexiados , como a eterna loita entre o ben e o mal, exercicios de sátira lingüística sobre o ser e a nada ou os paradoxos lóxicos máis atroces. Tamén o desfile de personaxes da vida real, contrapunto obrigado de tanto elevado pensador, como testemuñan innúmeros casos da literatura filosófica.

Tal vez nesta sucesión vertixinosa de situacións e personaxes, reducido o diálogo filosófico a maltratada comparsa da vontade cómica, as grandes preguntas queden sen resposta, tal vez os límites da razón perralleira sexan tan estreitos que esta apenas sexa quen de comprender minimamente a realidade. Con todo, a intención, é só entreter ao público, mesmo coas filigranas e peripecias do pensamento abstracto, e mesmo que iso aboque ao fracaso máis estrepitoso. Aceptar o fracaso, non é só a secreta ambición da filosofía como a premisa de vida de todo pallaso. E diso é do que se trata.

FICHA ARTÍSTICA E TÉCNICA

Elenco Artístico

Josito Porto

Víctor Mosqueira

Dirección de Arte

Natasha Lelenco

Espazo Lúmínico

Octavio Mas

Atrezzo

Marcelino de Santiago, “Kukas”

Produción

Rubén G. Pedrero

Autores

Pepe Sendón e Carlos Santiago

Dramaturxia e Dirección

Carlos Santiago

Duración

95 Minutos

Público

Maiores de 13 anos


Save this product for later
Share by: