MOFA E BEFA - PIROLÍTICOS (2022)
Co gallo do seu 30 aniversario, Mofa & Befa emprenden o seu proceso creativo máis arriscado e experimental, coa incorporación de tres mulleres na dirección e no texto. Clara Gayo, María Lado e Lucía Aldao acompañan aos artistas en PIROLÍTICOS , unha proposta que, sen renunciar ao teatro que Mofa & Befa sempre ofreceron, contén necesariamente a visión e o humor destas tres mulleres que aceptaron sen dubidar o desafío.
Mantendo a estrutura, o estilo, e as intencións “didácticas” que sempre caracterizaron a este dúo, PIROLÍTICOS
é esencialmente unha guía para orientar ao público sobre as novas masculinidades de sempre e conseguir (no caso dos homes) unha correcta pirólise en 10 pasos sinxelos. Ao igual que os fornos modernos, é necesario conseguir un estado de “baleiro total” para poder comprender e asumir os novos conceptos que o Feminismo achegou nas últimas décadas. Reflexionar sobre o impacto do Patriarcado nos propios homes, recoñecer a súa posición de privilexio, e amosar as contradicións que estas influencias provocan no noso día a día, poñendo o foco en todo momento sobre un home que simpatiza coa teoría feminista e aspira a vivir en consoancia con ela, pero que ten que enfrontar unha cultura machista profundamente instalada.
Cunha estrutura en sketches,
como é habitual en Mofa & Befa
, e, por suposto, con música (desta volta, cun marcado estilo perrallas rock
) PIROLÍTICOS
escenifica situacións ben recoñecibles polo público, co fin de conseguir unha mellor comprensión da “Guía Rápida para unha Correcta Pirólise”
.
As autoras presentan personaxes que intentan e fracasan ou que non saben por onde empezar, personaxes que de súpeto experimentan vivenzas que en ningún caso vivirían polo feito de seren homes, personaxes que tentan familiarizarse con toda a nova terminoloxía que nos últimos tempos describe tendenzas, identidades, actitudes, gustos e desgustos...
Mofa e Befa saen do armario con lentes violeta e non lles quedan nada mal.
PIROLÍTICOS é unha produción de Excéntricas en coprodución co FIOT (Festival Internacional Outono Teatro de Carballo). Conta co apoio nas subvencións a creación escénica convocadas pola Xunta de Galicia e Agadic.
FICHA ARTÍSTICA & TÉCNICA
Elenco
Evaristo Calvo é Mofa
Víctor Mosqueira é Befa
Autoría
Lucía Aldao e María Lado
Banda Sonora
Piti Sanz
Deseño de Escenografía
Marcelino de Santiago, Kukas
Deseño de Iluminación
Octavio Mas
Deseño de Vestiario
Xulia Bréns
Deseño Gráfico
Natasha Lelenco
Fotografía
Sabela Eiriz
Vídeo
Sonia García (Seimeira Producións)
Correción Lingüística
Ana Triñáns
Inventiños
Pepe Penabade
Produción
Rubén G. Pedrero
Dirección
Clara Gayo
Lugar e data de estrea: Carballo - FIOT - 07 de outubro de 2022
Duración: 90 minutos
Material de promoción e difusión para descarga premando no enlace.
Trailer en Youtube.