LARETADAS (2026)
JOSITO PORTO "Laretadas"
Son Josito Porto e quero avisar que o que eu fago son LARETADAS. Laretar é esbardallar, falar por falar, falar sen moito sentidiño, falar sen ter moita idea do que se está a falar pero coma se un fose experto e coñecedor de todo o que se está a dicir. Isto é o que básicamente fan os nosos políticos, falar coma se soubesen pero sen ter nin puta idea
Isto non é unha contada, unha contada é o que fan os contacontos, e un contacontos é alguén que, coma o seu nome indica, conta contos e un conto é algo que ten unha estrutura determinada: inicio, nó e desenlace. O nó e o desenlace non teño nin idea do que poden ser, así que supoño que non formarán parte do que eu fago. Inicio é por onde empezan as cousas e iso case é o único que teño claro nas miñas laretadas, teño claro como empezan pero nin idea de como poden rematar.
E, por favor, que ninguén etiquete o que eu fago como MONÓLOGO TEATRAL. Iso é outra cousa. O actor ou a actriz que o fai investiu unha parte moi importante do seu tempo na aprendizaxe dun texto, pagoulle a unha persoa para que o dirixise, a outra que lle fixo un deseño de luces, outra deseñou unha escenografía, outra un vestiario, etc. Hai un traballo previo e cartos, moitos cartos.

