Dúas Pedras no Camiño (2020)
Mofa & Befa son dous clowns para adultos que foron creados por
Victor Mosqueira e Evaristo Calvo á volta do ano 92 do século pasado. O
talento da composición cómica, a vinculación co real, a confidencia co
público e as dotes adxectivas, como o canto e a pantomima, que posúen os
dous artístas fixeron deles unha referencia da comedia e do que se dá
en chamar o cabaret literario. A afinidade que os distintos públicos
experimentan con eles débense ao fenómeno de recoñecemento que a
comunidade experimenta sempre a respecto dos artistas que a espellan, a
explican e a divirten. Dúas pedras no Camiño é un titulo xenérico para
un espectáculo antolóxico das pezas míticas que se manteñen na memoria
do público: “Aquela obra que viche coa tua nai, agora podes levar ao teu
neto” Ao longo da xira poden mudar algunha das pezas a requerimento do
público ou dos contextos que aporte o lugar ou o tempo da
representación. Sen dúbida, comezará con número titulado: “Os 33
reiseñores da Porqueira” que é o prólogo ideal para calquera evento e un
dos números mais sutís e celebrados do dueto. Atrás deste virán os
números culinarios, de homenaxe ás grandes figuras do cinema, a
escritores inmorredoiros, ou as parodias do circo. O título, “Dúas
pedras no Camiño” xoga coas alusións á música popular e a sua filosofía,
que nos lembra que unha pedra no camiño pode ser algo que nos ensine e
nos transforme, ainda que tamén lembra á función dos cómicos de seren
unha pedra no zapato... en fin, rolar e rolar!