Carpe Diem (2019)
CARPE DIEM é a atrevida tentativa de converter en teatro un dos mais excitantes contos do maior autor vivo na nosa língua: Rubem Fonseca.
A anécdota é cinematográfica: Unha muller e un home coñecense nunha previsíbel festa de fin de ano e comezan unha relación ilícita: os dous son casados. Con outras persoas. Un caso de adulterio entre persoas da clase alta. A rotina dos amantes consiste en cinema de barrio e motel barato, moi lonxe do seu ambiente É unha aventura imaxinaria nun motel co ar condicionado avariado. Entre a fantasia do cinema e as obrigas conxugais desenvolvese este drama escaldante. En palco aparecerán o autor, manipulando as suas pequenas criaturas como se fosen ratos de laboratorio, os dous amantes, e un músico, ennobrecendo con aveludadas melodías o frívolo affaire. Non debiamos dicilo, mais todos estes asuntos, acaban por confluir nun crime. Por causa da moi daniña influencia do cinema. Porque do que se come, criase.
Rubem Fonseca, o maior escritor vivo da língua portuguesa estendeu o seu talento sobre un xénero considerado literatura de consumo: o policial. Linguaxe explicito, violencia, enigma e cinismo son alguns dos elementos que nos excitan e nos desafian dende a obra deste Prémio Camões. Obras como “Buffo e Spalanzani” , “Feliz ano novo” , “Pequenas criaturas” , “A coleira do cão”, “Bastas emoçoes pensamentos imperfeitos” ou “A grande arte”, deitan unha visión distante e impiedosa sobre a condición humana. Ten sido adaptado ao cinema en moitas ocasions e, en menor medida, ao teatro. Esta é a primeira vez que vai ser representado na Galiza, e que nos saibamos, en Portugal.
FICHA ARTÍSTICA E TÉCNICA
Elenco: María Costas, Marcos Vieitez, Víctor Mosqueira e Mon Orencio.
Escenografía e Deseño Gráfico: Ana Seoane
Vestiario: Uxía Vaello
Iluminación: Octavio Mas
Montaxe e documentación cinematográfica: Marcos PTT Carballido
Fotografía e Vídeo: Natasha Lelenco
Xefe Técnico: Pepe Quintela
Produción: Rubén G. Pedrero
Dirección Musical: Mon Orencio
Autor: Rubem Fonseca
Adxunto de dirección: Marcos PTT Carballido
Dramaturxia e Dirección: Quico Cadaval
Co apoio de: Agadic, Xunta de Galicia, Concello de Santiago de Compostela e Concello de Rianxo
Espectáculo fora de distribución