Excéntricas

~ eXCÉNTRICAS ~

Producións Teatrais Excéntricas orienta os seus traballos ao territorio da comedia e da farsa, e investiga nos delicados mecanismos do humor. Serve de plataforma para as creacións de Mofa & Befa como “Finis Mundi Circus”, “Sempre ao Lonxe”, “Cociña Económica”, "Cranios Privilexiados" ou “Shakespeare para Ignorantes”. Tamén explora outras formas do humor máis sarcástico como en “Obra”, “Un Cranio Furado”, “Oeste Solitario”, “Da Vinci Tiña Razón!” e “Os amores de Jacques o fatalista”. E sirve como plataforma de creación dos espectáculos unipersoais de Quico Cadaval e os musicais de Piti Sanz.


Excéntricas foi convidada a distintos festivais como Almada, Monterrey, FIOT, FETEGA, Ribadavia, SINGLOT, Cômico da Maia, Iberoamericano de Bogotá ou Almagro, festival que coproduciu “Bobas & Galegas”. Producións Teatrais Excéntricas recibiou en 2017 o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño ao Mérito nas Ártes Escénicas outorgado pola Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.


En 2017, adentrouse na farsa de “A Cabeza do Dragón” de Valle-Inclán, espectáculo con máis de 50 funcións, gañador de 4 María Casares e que se convirtiu nun evento cultural de referencia en Galicia. Non foi apenas por ser a primeira obra de Valle estreada en galego, mais polo enfoque anovador do teatro de Don Ramón. Ademáis, en outono de 2017, Mofa & Befa estrearon, “Cranios Privilexiados... ou Crítica da Razón Perralleira”, espectáculo co que o duo comemora o seu 25ºaniversario sobre as táboas e superou xa as 70 funcións.


En 2019, ano do seu 15º aniversario, Excéntricas estrenou "Carpe Diem", do multipremiado escritor brasileño Rúbem Fonseca; "Cartoóns", o primeiro espectáculo infantil na historia da compañía e finalista nos Premios de teatro María Casares na categoría de Mellor Espectáculo Infantil; os espectáculos de narración oral "Tres Vellas (polo menos)" e "Vacas, Guerras, Porcos e Cregos" e rematou o ano con "Medida x Medida" de William Shakespeare, un espectáculo de gran formato con dúas candidaturas aos Premios Max (Quico Cadaval á Mellor Adaptación e Bernardo Martínez a Mellor Composición Musical) e 1 premio de teatro María Casares para Josito Porto na categoría de Mellor Actor Secundario.


En 2020, Mofa e Befa retornaron aos escenarios galegos cun espectáculo antolóxico chamado "Dúas Pedras no Camiño" e en 2021 chegou "Estrela do Día", a nova e divertidísima proposta de Excéntricas que rematou a súa andaina no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro. 


En 2022 Excéntricas celebra a sua maioría de idade coa estrea de dous espectáculos moi esperados, "O Porco de Pé" de Vicente Risco (gañador de 3 premios María Casares, finalista nos Max e máis de 60 funcions realizadas en Galiza e Portugal) e "Pirolíticos" de Mofa & Befa, espectáculo co que dúo formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira celebran o seu 30º aniversaio sobre os escenarios.


En 2023, contamos con dúas estreas máis. Por unha banda, a compañía gañou o III Certame de Proxectos Teatrais da Fundación Manuel María de Estudos Galegos polo espectáculo "O Auto do Castromil", premio dotado con máis de 40 funcións. A estrea foi en xullo, en coprodución co Centro Dramático Galego. En outubro, na programación da Rúa dos Contos do FIOT (Festival Internacional Outono Teatro de Carballo), estreamos o novo repertorio das Vellas de Guti, Celso e Cadaval, "Tres Vellas (na Romaría)".


Excéntricas celebra en 2024 o seu 20º aniversario. Entre os espectáculos a estrear, o primeiro deles será "Monstros", un espectáculo familiar cheo de humor, música en directo e aventuras.




PREMIOS


2023.-

3 María Casares polo espectáculo "O Porco de Pé"

Mellor Adaptación (Quico Cadaval e Pepe Sendón)

Mellor Actor Secundario (Evaristo Calvo)

Mellor Escengorafía (Carlos Alonso)


XXII Premio de Interpretación Maruxa Villanueva a Patricia Vázquez por "O Porco de Pé"


2020.-

1 María Casares polo espectáculo "Medida x Medida"

Mellor Actor Secundario (Josito Porto)


2018.-

4 María Casares polo espectáculo “A Cabeza do Dragón”:

Mellor Actor Protagonista (Iván Marcos)

Mellor Actor de Reparto (Víctor Mosqueira)

Mellor Adaptación (Quico Cadaval)

Mellor Vestiario (Suso Montero)


2017.-

Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño ao Mérito nas Artes Escénicas concedido pola Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.


2012.-

3 María Casares polo espectáculo “Oeste Solitario”:

Mellor Actor Protagonista (Evaristo Calvo)

Mellor Tradución (Avelino González)

Mellor Iluminación (Octavio Mas)


2011.-

5 María Casares polo espectáculo “Un Cranio Furado”

Mellor Espectáculo

Mellor Actor Protagonista (Evaristo Calvo)

Mellor Actor de Reparto (Santi Romay)

Mellor Tradución (Avelino González)

Mellor Escenografía (Marcelino de Santiago, “Kukas”)


2010.-

Premio Max por “Shakespeare para Ignorantes” (Quico Cadaval – Mellor texto en galego) Premio María Casares por “Shakespeare para Ignorantes” (Quico Cadaval – Mellor texto orixinal)


2009.-

2 Premios María Casares por "Obra":

Mellor Actor Protagonista (Víctor Mosqueira)

Mellor Música Orixinal



Quico Cadaval

Nace en Ribeira, na Ría de Arousa, onde Deus apoiou o dedo anular no seu día de descanso (o sétimo). O feliz natalicio produciuse no ano catro a.m.m.m. (antes da morte de Marilyn Monroe) nunha taberna, na que creceu. Na súa infancia conviviu con mariñeiros que extraían maxicamente bacallaus salgados dos seus pantalóns, quinquilleras que revelaba a berros a orixe da vida mentres devoraban carne asada e anciás que conseguían mexar de pé con precisión de ciruxanas.
Polo modo que ten de falar de si mesmo parece que non ten avoa, pero a tivo e nótaselle moito.


Foi educado por un profesor entusiasta dos castigos físicos e da escritura barroca, na actualidade cronista local da cidade de Ribeira. Na súa época universitaria descoidou os seus estudos de arte para coquetear co amor, a política e a droga.


Recibiu moitas críticas dos seus amigos "junkies" polo consumo inmoderado de drogas brandas e mostos fermentados.

Dirixiu espectáculos de teatro coa presenza de orfas de fillos, quinquilleras, viúvas de carpinteiro, traficantes de toneis, palilheiras-macho, inmigrantes ilegais e xitanas vingativas. Escribiu pezas de teatro protagonizadas por traficantes mudos, deusas, piratas (sexo feminino), ociosos, aristócratas pintores, músicos ambulantes e vendedoras de amor ao pormenor.



Por se isto fose pouco, é omnívoro.

Evaristo Calvo

Inicia a sua actividade como actor profesional no ano 1988. Desde entón compaxina os traballos de actor, tanto no teatro como no cine e na televisión, cos de autor e director de escena no teatro, e os de guionista de televisión.


Cofunda con outros profesionais as compañias “Ollomol Teatro Submarino”, “Ollomol Tranvia” e “Mofa e Befa”. Colabora como intérprete, entre outros, nos espectáculos; “O ano do cometa” e “O incerto señor don Hamlet...” producidos polo “Centro Dramático Galego” , “Commedia” e “O rei nú” producidos por “Ollolmol Tranvia”.



Tamén como interprete colabora co grupo “Resonet” de música antiga nos concertos; “Cantigas do Camiño” e “A viaxe a Compostela de Cosme III de Médici”.

Víctor Mosqueira

A súa carreira como actor comeza no teatro galego en 1978. Fórmase na Scuola internazionale dell’attore Comico con Antonio Fava e na Bont’s School of Clown con Eric de Bont especializándose en comicidade, clown e Commedia dell’Arte.


Ten participado en compañías coma O Moucho Clerc, Centro Dramático Galego e Ollomoltranvia. Na actualidade o seu traballo está vencellado ao dúo cómico Mofa e Befa (Sempre ao lonxe). En cine traballou en produccións como Mía Sarah, O agasallo de Silvia ou Para que non me esquezas. Tamén conta cunha ampla experiencia televisiva, sendo os seus traballos máis coñecidos os realizados nas teleseries Un paso adelante (Antena3) e Mareas vivas (TVG) e nos programas de humor Apaga a luz e Máxima audiencia (TVG).

Piti Sanz

Compositor e actor, compaxina a súa participación en Mofa&Befa con “S4N7” (pódese ler SANZ) a súa nova banda que ven de publicar o seu primeiro disco homónimo. Podes escoitar a S4N7 no seu Bandcamp.


Piti Sanz é sinónimo da mellor música audiovisual e teatral da escena galega das dúas últimas décadas. Gañador de 3 premios María Casares á mellor música orixinal por Finis Mundi Circus, Niki Ñaque e Policía e 5 premios Mestre Mateo na mesma categoría así como o Premio a Mellor Música Orixinal por Os Fenómenos no Festival de cine de Çeará (Brasil). Ten unha nominación ós Goya na categoría de mellor canción orixinal pola película dirixida por Iciar Bollaín, Mataharis, do grupo DIELAS que liderou xunto a Luis Tosar.  Foi director musical da Tri Bus Band Xacobeo 2004, arranxos orquestais e dirección musical de Os Resentidos ca Banda Municipal de Lira, entre outras.

Share by: