Comezaron os ensaios de Estrela do Día

luns, 14 decembro, 2020

Sabías que se conservan mais de 400 milagres de Santa María, en códices do século XIII... en galego?

Sabías que a Divina Señora adquiría as formas máis sorprendentes para axudar ás persoas infelices que llo pedían?

Sabías que nos tempos de medo e incerteza que estamos a vivir, hai millóns de persoas que siguen a pedir un milagre de María, a Estrela Matutina?

Sabías que a maioría dos milagres da Señora serían hoxe condenados pola igrexa e perseguidos polo código penal?

Para contar todas estas cousas, P.T. Excéntricas apresenta, ESTRELA DO DÍA, unha comedia divina, chea de cor, de música, de misterio e de humor. A palabra poética dos códices foxe do libro e encárnase na escena. As personaxes saen das miniaturas medievais e chegan aos nosos días da man e do talento de EVARISTO CALVO, ROCÍO GONZÁLEZ, VÍCTOR MOSQUEIRA e PATRICIA VÁZQUEZ.

Estrela do día é unha experiencia para o público recuperar a fe no teatro, o único lugar onde o milagre aínda é posíbel. Baixo a batuta de director de MARCOS PTT CARBALLIDO, experto milagrista, os comediantes levarán de novo os prodixios de María ante os asombrados ollos dos espectadores mais descreidos: a apoteose da nova inocencia, a inxenuidade regresa para salvar o mundo. Para isto, o máxico PTT , acostumado a facer maxia por todo o mundo co seu “Retrete de Dorian Gray”, abrirá o cofre dos seus monstros preferidos: QUICO CADAVAL nos textos, LAURA ITURRALDE na escena iluminada, UXIA VAELLO nas roupaxes, NACHO MUÑOZ no deseño sonoro, PITI SANZ nos cánticos, e a cumplicidade imprescindible dos partenaires do mago: EZRA MORENO nos artefactos, CARLOS SANTIAGO nas palabras secretas e GUITIÁN nas miniaturas.

A estrea será o 5 de febreiro no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Web Design by nlocal