Mofa e Befa

~ Mofa & Befa ~

 unha historia inmortal

Mofa&Befa (Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira) aparecen no ano 1992 asaltando, literalmente, o palco da Sala NASA.



Fixeron, antes da estrea da “Compañía de María”, un sketch que acabaría titulándose Primeiro amor. Nos dous anos posteriores aproveitaron as Ultranoites, o cabaré colectivo da NASA, como campo de probas dos seus números. No 93 e no 94 aparecen Unha estrela de Galiza, Mili-KK e Cociña económica. Posteriormente, os catro números conformaron un espectáculo de duración convencional, Para ser exactos. Mofa&Befa saían do cabaré e botábanse polo mundo. Este espectáculo foi presentado por Quico Cadaval, Luís Tosar, Xepe Casanova, María Bouzas, Roger Colom e Mónica Garcia, entre outros.


O carácter e o talento do dúo esperta o interese doutros artistas, e son reclamados por un núcleo de novísimos cineastas de Lugo, entre os que estaban Jorge Coira, Luís Tosar e​ Antonio Pereira. Desta parcería saíu o anacrónico filme Gran liquidación que rescataba moitos recursos do nacemento do cinema e no que Mofa&Befa eran protagonistas. Mofa&Befa, procedentes da marxinalidade, convértense en ascensores sociais e actúan en todo tipo de espazos, universidades, festivais de rock, congresos científicos, tribunais de xustiza, xuntanzas filosóficas, eventos ecolóxicos, presentacións tecnolóxicas... A súa influencia crecente levounos en 1996 a presentar un manifesto, un deses textos que aspiran a mudar o mundo: Manifesto para un teatro perralleiro.


No ano 97 o creador de contidos audiovisuais Miguel Piñeiro reclama a presenza da couple no seu programa de culto Apaga a luz, no que os cómicos presentan narradores orais e grupos de rock e crean algúns dos seus caracteres máis célebres: o capitán Cañoteira ou os proletarios Luisiño e Roberto. Habería que esperar aos primeiros anos dos dous mil para que outro programa de televisión se interesase por eles: foi o mítico Xabarín Clube, para o crearon os cociñeiros Pota e Berza.


Ante a veciñanza do cambio de milenio, Mofa&Befa asumiron o que talvez foi o espectáculo máis radical da historia do teatro galego, FinisMundiCircus (1998). Números pseudocircenses que se baseaban no fracaso clownesco e que experimentaban o lado máis negro do humor. Aparecen tamén, enmascarados, empréstitos dos grandes nomes do teatro contemporáneo: Beckett, Topor, Sastre. Personaxes inesquecibles, como River, Busterito, Franco ‘o Tirador’ ou Albino Blanco. As cancións de Narf interpretadas en directo por Piti Sanz e Alfredo Laforet, daban un brillo de calidade insólita ao melancólico espectáculo.


No 2001 recibiron a irónica homenaxe do oficio, nunha Ultranoite de imitadores de Mofa&Befa, coa participación dos orixinais, que representaron por única vez A matanza dos inocentes. Por alí estivo a xente como Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Manu e Pablo de Pista 4, Goldi, e apareceron algúns actores que dun xeito ou doutro participaron en movidas de Mofa&Befa: XRon, Marcos Orsi, Iván Marcos ou Josito Porto.


Seducidos polo silencioso humor de Beckett, ocuparon o Teatro Galán para representar o Acto sen palabras II, e repetirán o Acto sen palabras I, que xa versionaran en FinisMundi. Este tributo a Beckett foi levado tamén á Regadeira de Adela. Descansaron de tanta violencia co espectáculo Cultura para dar e tomar en 2003. Aquí aparecen as creacións máis lonxevas de Mofa&Befa: Pepe e Pepe, dous políticos inaugurantes que percorren todas as festas, eventos e enterros do país co mesmo discurso. A demostración de que os políticos venceron aos comediantes na arte da farsa.


Despois, Mofa&Befa regresan ao laboratorio das Ultranoites, e de alí saen números míticos, Os flamencos abertzales e Os moinantes calabreses. Candor, virtuosismo, talento cómico e crueldade. Con Piti Sanz en escena acompañando ao dúo, estes números convértense no espectáculo Sempre ao lonxe (2006), unha burla talentosa do etnocentrismo e do altermundismo.

Nesta primeira década dos 2000 fan números especiais para distintas encomendas. Unha carreira de obstáculos, que se exhibiu con éxito en Xornadas de Emprendedores, o que ten mérito para un sketch inspirado no "Doktor Fausto" . Parodiaron tamén o middleware da intranet universitaria nun congreso da USC, e non faltou unha achega á robótica co Brando-machine, un software que permitía á industria da TV e do cine abaratar o traballo dos actores.


En 2009 chega Shakespeare para ignorantes, esta vez coa presenza de Quico Cadaval en escena. Mofa&Befa visualizan no verborréico orador toda a pedantería académica que ten a Shakespeare secuestrado e afastado da práctica teatral. Mofa&Befa van ao rescate, tírano da súa cadea, devólveno ao palco e Shakespeare, liberado, fala cunha voz nova, luminosa, golfa, desafiante, boba... que non se lle coñecía. Uns pallasos esclarecían obras de Shakespeare que non leran nunca. O suceso de Shakespeare para ignorantes encheu teatros e divertiu escolares durante varios anos. Mesmo levou un Max e un María Casares.


Ao seu paso por Almagro, recibiron do festival un convite para facer algo semellante cos clásicos castellanos. De aí saíu en 2014 Bobas&Galegas, un elegante espectáculo no que se repasaba o latente racismo que aparecía na literatura cstelá contra os galegos... e as galegas.

O mesmo esquema, de apuntar coa mira telescópica a algún elemento da alta cultura e disparar, repetiuse co romanticismo. Si, nesta ocasión, o obxectivo foi unha palabra cada vez mais deturpada: Románticos (2012), coa presenza en escena de Cadaval e Sanz, os pallasos abríanse paso na confusión da palabra romántica, que podía referirse a unha revolución, a unha música de éxito, a un suicidio ou ao fútbol da Segunda B.


Entregados definitivamente ao nobre labor de levar o coñecemento ao público ignorante, lanzáronse ao mundo da filosofía. Cranios privilexiados... ou Crítica da Razón perralleira (2017) foi o espectáculo que escribiron Carlos Santiago e Pepe Sendón, que xa foran letristas das músicas de FinisMundi. Baixo a dirección de Carlos Santiago, Mofa&Befa exploraron dende a Grecia Clásica ás achegas galegas ás grandes correntes do pensamento, sobre todo, ao escepticismo. Novamente, lograron o favor do público do Ensino Secundario, tan caro.


Agora deciden armarse contra o heteropatriarcado e coa dirección de Clara Gayo e fornecidos con textos de AldaoLado, pasan ao ataque en Pirolíticos. O ataque será co armamento do clown, difícil de desactivar polos sistemas de defensa convencional. A obra estrea en Carballo e espéralle unha longa andaina.


Mofa&Befa teñen moitas leguas ao lombo e lembran a súa pasaxe en festivais de teatro e eventos singulares que quixeron contar coa sua presenza. FIOT de Carballo, MIT Ribadavia, FITO de Ourense, Mostra de Teatro Clásico de Lugo, Mostra de Teatro de Cee, Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Semana da Filosofía de Pontevedra, Festival de Teatro Clásico de Almagro, Festival de Teatro Clásico de Alcalá de Henares, Corral de Comedias de Alcalá, Encuentro Teatral Tres Continentes de Agüimes, ACGB Asamblea da Cultura Galega de Barcelona, Festival das Autonomías de Madrid, Festival de Santurtzi, Jornadas de Animación a la Lectura de Arenas de San Pedro, Fundación Alfonso Sastre, Umore Azoka de Leioa, Museo de Arte Contemporáneo de Pamplona, Feria de Teatro de Ciudad Rodrigo, Casa de Galicia de Madrid, V Festival Internacional de Teatro de Actor de Cuenca, Muestra de Teatro Español de Autores Contemporáneos de Alicante, Muestra Nacional de Teatro Espiga de Oro de Azuqueca de Henares, Mostra Internacional de Teatro Cómico de Maia, MIT Valongo, FINTA de Tondela, Festival de Poesía do Condado, Festival de Viana do Castelo (Eixo Atlántico), Festival de Teatro de Nuevo León en Monterrey (México)... e foron convidados ao Festival Shakespeare de Bos Aires.

Texto de Quico Cadaval




Share by: