DUAS PEDRAS NO CAMIÑO

xoves, 1 outubro, 2020

... o vellonovo espectáculo de MOFA & BEFA.

A estrea será na Sala Ártika de Vigo o 2 de outubro ás 21:30 horas, espazo onde repetirán funcións o sábado 3 de outubro (ás 21:30h) e o domingo 4 de outubro (ás 20:00h).

Tralas funcións en Artika, Mofa & Befa comezarán una xira patrocinada pola Secretaría Xeral de Politica Lingüística e o programa Fondos Xacobeo 21. As datas son as seguintes:

- 16 de outubro no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras (21:00h)

- 30 de outubro no Cine Faba de Cacabelos (19:30h)

- 31 de outubro na Casa Museo Manuel María de Outeiro de Rei (20:00h)

- 8 de novembro na Casa da Cultura de Outes (20:00h).

Mofa & Befa son dous clowns para adultos que foron creados por Victor Mosqueira e Evaristo Calvo á volta do ano 92 do século pasado. O talento da composición cómica, a vinculación co real, a confidencia co público e as dotes adxectivas, como o canto e a pantomima, que posúen os dous artístas fixeron deles unha referencia da comedia e do que se dá en chamar o cabaret literario. A afinidade que os distintos públicos experimentan con eles débense ao fenómeno de recoñecemento que a comunidade experimenta sempre a respecto dos artistas que a espellan, a explican e a divirten.

Dúas pedras no Camiño é un titulo xenérico para un espectáculo antolóxico das pezas míticas que se manteñen na memoria do público: “Aquela obra que viche coa tua nai, agora podes levar ao teu neto” Ao longo da xira poden mudar algunha das pezas a
requerimento do público ou dos contextos que aporte o lugar ou o tempo da representación.


Comezará con número titulado: “Os 33 reiseñores da Porqueira” que é o prólogo ideal para calquera evento e un dos números mais sutís e celebrados do dueto. Atrás deste virán os números culinarios, de homenaxe ás grandes figuras do cinema ou a escritores inmorredoiros. O título, “Dúas pedras no Camiño” xoga coas alusións á música popular e a sua filosofía, que nos lembra que unha pedra no camiño pode ser algo que nos ensine e nos transforme, ainda que tamén lembra á función dos cómicos de seren unha pedra no zapato... en fin, rolar e rolar!

Web Design by nlocal