"Un Cranio Furado", unha coproducción de Excéntricas co FIOT de Carballo

mércores, 20 outubro, 2010

O Festival Internacional Outono de Teatro, despois de 19 anos establecendo liñas de comunicación entre o público e os artistas teatrais, decide dar un novo paso. Ata esta edición, o festival seleccionara espectáculos, exercendo dalgunha maneira de representante do público, agora decide producir unha obra de teatro.

A compañia Produccións Teatrais Excéntricas, que xa tiña demostrado con fracasos como Shakespeare para ignorantes e Obra, no coment, a súa boa onda co público bergantiñán, foi requerida para a creación dun espectáculo que servise para inaugurar o Fiot 2010.

Excéntricas propúxolle ao FIOT a obra Un cranio furado, e ao FIOT pareceulle ben. Unha obra moderna, comercial, divertida, escrita por un explosivo e xoven autor anglo-irlandés nos anos 90, Martin Mc Donagh, que tiña tanta vontade de provocar ao tradicional mundo irlandés que herdara dos seus pais, como horrorizar ao requintado público urbano londinense.

Os feitos pasan en Connemara, mais podían pasar en Bergantiños se tivesemos alguén que os soubese escribir. Como non tiñamos, foi Avelino González quen puxo en galego aquel bravo inglés que escribira McDonagh. Todo acontece nun cemiterio, onde o horror que se albisca na penumbra está sempre compensado por un humor, sorprendente e feroz. O mesmo humos que se aparece naqueles contos galegos que se contaban no outono acarón dos cabazos furados que os cativos transfomaban en cranios para asustar aos camiñantes na noite.

A estrea é o 15 de outubro, ás 21.00 horas no Pazo da Cultura de Carballo.

Web Design by nlocal