Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño para Excéntricas na MIT Ribadavia

luns, 17 xullo, 2017

O sábado 15 de xullo, Quico Cadaval, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Piti Sanz recibiron na Igrexa da Magdalena de Ribadavia o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño ao Mérito nas Artes Escénicas otorgado por MIT Ribadavia na sua 33ª edición.

Ademais deste marabilloso premio, Excéntricas pechará o 24 de xullo a MIT deste ano coa súa última produción, "A Cabeza do Dragón". A función comezará ás 23:00 horas no Auditorio Rubén García do Castelo de Ribadavia.

Para mercar as entradas e ver o fantástico programa da MIT, podes visitar a súa web, www.mitribadavia.com

E por suposto, agradecer a MIT Ribadavia e ao seu Director Roberto Pascual este premio que nós fai moitisima ilusión.

A continuación a ACTA completa do premio.

ACTA DO PREMIO DE HONRA “ROBERTO VIDAL BOLAÑO” 2017, CONCEDIDO POLA MIT RIBADAVIA AO MÉRITO NAS ARTES ESCÉNICAS A
 PRODUCIÓNS TEATRAIS EXCÉNTRICAS

        A 33ª edición da MIT quere premiar a unha compañía, a uns artistas que, polo súa banda, nos obsequiarán a todas e todos nós cun magnífico espectáculo, que ademais supón un fito histórico para o teatro galego. Producións Teatrais Excéntricas enmarca esta edición da MIT 2017. Na apertura recollen un galardón co cal este festival quere agradecer, recoñecer e aplaudir a súa importante actividade escénica colectiva e a dos seus integrantes. Na clausura bríndannos a primeira posta en escena profesional en galego da obra de Valle-Inclán A cabeza do dragón.

        Producións Teatrais Excéntricas é o selo co cal Mofa e Befa ou Quico Cadaval producen e distribúen as súas creacións. Unha plataforma coa que coñecemos a constante pescuda, exploración e requintamento nas estratexias do humor e da oralidade ou da linguaxe musical, por parte de Evaristo Calvo, Quico Cadaval, Víctor Mosqueira ou Piti Sanz. Baixo este paraugas e sen esquecer as importates tarefas de produción, comunicación e distribución de Rubén G. Pedrero, Excéntricas vénnos ofrecendo diversos formatos escénicos, dende o dúo cómico, os unipersoais ou a valente aposta por espectáculos de maior formato coma esta súa última produción, na que quixeron verse acompañados ademais pola composición musical do Taller Atlántico Contemporáneo.

        Ás proezas escénicas dos membros de Excéntricas, temos que engadir as importantes tarefas de divulgación das artes escénicas en contextos educativos, no exterior (coproduciron co Festival de Almagro, levoron a nosa lingua a escenarios de Iberoamérica, fixeron rir ao público de Portugal ou de Cabo Verde...). En Ribadavia tentaron explicarnos nunha conferencia-espectáculo que Shakespeare era do Ribeiro, soñaron e compartiron con nós proxectos e utopías, confiaron e confiamos. Creron e cren no poder da risa, da nosa lingua, no poder liberador do teatro e da fusión e o irmanamento do propio co alleo, para sermos quen.

        Queremos, con este Premio de Honra, facer un recoñecemento público e solemne ás cuantiosas e cualitativas tarefas que os membros de Excéntricas teñen realizado ao longo dos seus anos de traxectoria profesional en diversos proxectos teatrais ou audiovisuais. Así, cómpre citar o grande acerto en moi significativas e imborrables tarefas da dirección escénica (Quico Cadaval n'O ano do cometa ou Noite de reis para o CDG ou a súa posta en escena d'O cranio furado de Martin Macdonagh), do traballo actoral (inesquecibles os personaxes de Evaristo Calvo na saga de postas en escena de dramaturgos irlandeses ou a hipnotizante creación física de Víctor Mosqueira en espectáculos de Ollomoltranvía ou en posteriores pezas coma Obra (no comment) ou Finis Mundi Circus, onde precisamente traballou co outro membro de Excéntricas, Piti Sanz, nunha marabillosa música creada en conxunto co sempre recordado e admirado Fran Pérez “Narf”. Moitos destes traballos e outros tantos que non podemos recoller nunha soa acta coma esta, recibiron tamén  premios e recoñecementos doutras institucións e asociacións. Mais este que vos entregamos aquí en Ribadavia é tamén un brinde (con Ribeiro, sempre) polo porvir, co recordo do esforzo, do goce e do compromiso do xa feito e co moito que queda por soñar.


        Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, xullo de 2017

Web Design by nlocal