Este sábado 22 de setembro, ás 20h na praza que hai diante do Concello de Cedeira comezará a xira de outono de "Os Inocentes" de Quico Cadaval. Unha función de balde incluída no ciclo "Cantos e Contos ao Solpor".
"Os Inocentes" nace da operación de pulido e compulsa co público, até lograr a forma definitiva do
relato escénico. A técnica que leva anos traballando Quico Cadaval. Con Os Inocentes, logra un espectáculo de sorprendente coherencia, coa aparición dun retábulo da inocencia, un tríptico con tres protagonistas Manuel, Marquiños e Pastor, que fan honra a todos os alcumes, humillantes ou compasivos que se lles colocou a estas personaxes: almiñas. mansos, á boa de deus, que lles falta un fervor, que están a esperar que deus chame por eles, que non son ben donos dos seus dias,que están mais aló que acó... Personaxes que dende a sua singularidade mental, ou filosófica, ofrecen lecturas iluminadoras sobre a grande creación dos
xuizosos e intelixentes: A GUERRA. Unha clarividente ollada que os inocentes deitan sobre a guerra civil.
Un espectáculo de narración teatral na que o creador das historias abana entre a proximidade cotidiana co público á identificación cos protagonistas da historia. Un espectáculo épico, en todos os sentidos da palabra.
Tras Cedeira, a xira dos Inocentes continuará por:
- 19 de outubro en Burela
- 20 de outubro en Cee
- 27 de outubro en Vimianzo
- 24 de novembro en A Rúa
- 29 de decembro en Zas