O Dragón volta a dormir

mércores, 13 decembro, 2017

O Dragón volta a dormir. Matámolo o outro día en Lugo por cuadráxésima ou enésima vez. Mais o Dragón no morre, fai así coma de quen, el regresa discreto á sombra da lama da lagoa negra ou da gruta dourada, chega alí e ao pé de don Ramón, adormece no seu soño xigante de animal doméstico, como un canciño aos pés de Valle-Inclán. Está previsto que acorde o nove de Marzo no teatro de Ferrol, o Jofre, mais non debemos confiarnos, o dragón pode espertar ao teu lado en calquera momento, gosta de cultivar a sua fama de imprevisíbel. E de novo estarán canda el, Patricia Vazquez, Maria Costas, Victor Mosqueira, Quico Cadaval, Yelena Molina, Marcos Orsi, Josito Porto e Iván Marcos a figurar, príncipes e taberneiras, covardes e hedonistas, bandoleiras e heraldinas, maritornes e bertoldos, fumanchús e obiwankenobis, palleiros e lebreiros, bandidos xenerosos, reis pasmados e raiñas da baralla. Unha sucesión de bonecos mutantes no xogo do teatro.

Desde que estreamos no teatro principal de Santiago a comezos de marzo para aproveitar os restiños do entroido, fomos arrastando o xogo de máscaras para que o carnaval non morra. Público adulto, estresado polo esgotador clima político recuperaban a infancia diante da caixa máxica que se presentaba diante dos seus ollos no teatro do dragón. A Iso contribuia o espazo luminoso como un soño, inventado por  Baltasar e feito realidade por Pepe, Octavio e Diego. A música de Javier Maria, dirixida por Diego a comandar a brigada sonora do TAC, trasladaba o público ao lugar correcto, un que non aparece nos mapas. A roupa de Suso feita por Maria, devolvia aos reparto á sua condición de bonecos que parecía que podían ser manipulados polo público, que se podían levar para a casa.

Un espectáculo difícil de facer para unha pequena compañía coma a nosa e ai estaba o traballo de Rubén e Efrén, os produtores rimados, e a enerxia secreta de Evaristo.Temos outros seres prodixiosos que vixiaron a construción deste dragón, mais debemos sinalar ao gnomo Marcelino e a vidente Natasha e Carlos, o aprendiz de bruxo.

Moitos meios de comunicación, xornais, revistas, radios e programas de TV saudaron este primeiro Valle-Inclán en galego, outros, non. Grazas a todos.

Moitas programadoras e festivais quixeron ternos no seu espazo e como agasallo para o seu público...outras farano na vindeira temporada. Antecipamos grazas.

Alguén se perguntará a que obedece este longo autoeloxio...será que talvez non teñen ninguén para falar ben do Dragón? Non é esa a razón, todo o que está escrito aquí, hiperbólico ou cursi, foi dito por algunha persoa depois de ver o espectáculo, limitámonos a reproducilo. 

Outro día falaremos do que dixeron as crianzas, que moitas veces se viron obrigadas a explicar aos seus adultos de compañía algúns lances enigmáticos da obra....

VEMONOS EN MARZO, NO JOFRE!!!!!!

Web Design by nlocal