Estrea de "Tres Vellas (polo menos)" en Vimianzo

martes, 12 febreiro, 2019

Continuamos coa celebración do noso 15º aniversario e esta fin de semana temos estrea dunha nova produción, "Tres Vellas (polo menos)", un espectáculo de narración oral e palabras cruzadas que ten como protagonistas a tres dos mellores narradores orais da escea internacional, Celso Sanmartín, José Luis Guiterrez "Guti" e mais Quico Cadaval.

A cita inesquecible será este sábado 16 de febreiro no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo. A función comezará ás 21:00 horas e ten un prezo de 5€ (entrada reducida de 2,50€).

No repertorio de todos tres, hai muitos contos que foron contados por vellas, a quen llos contaron outras vellas. Unha progresión xeométrica de vellas. Nunca se coñeceron as vellas de Guti, Quico ou Celso, mais poderian manter unha conversa entre si á luz do carburo ou sobre o hule das cociñas aldeás. Moitas veces, as sesións de contos son sesións de espiritismo, e as vellas aparecen na axuda do narrador que se perdeu nun chiste, ou nun comentario de actualidade, e faino voltar ao rego do relato.


As vellas que depositan neles ensalmos, historias e receitas, pediron e lograron un lugar na escena, por iso este espectáculo mutante preséntase como TRES VELLAS (polo menos).

Neste exclusivo show, só para os gostos mais requintados, manifestaranse as olladas profundas, as mans encalecidas de todas as labouras e o afiado sentido do gosto das vellas, e chegará un momento no que o auditorio sentirá o recendo dos honestos guisados do pasado. E ao rematar, os espectadores, coa boca encharcada, sairán a soñar co prato fumegante da memoria.

Web Design by nlocal