Entradas á venda de Románticos, o novo de M&B

martes, 4 setembro, 2012

O 31 de outubro no Teatro Principal de Compostela, Mofa & Befa estrenarán o seu novo espectáculo, "Románticos!". Ademáis da estrea, haberá 4 funcións máis os días 1, 2, 3 e 4 de novembro.

As entradas xa están á venda na billeteira do Teatro Principal (de martes a sábado, de 18 a 21h) e só estarán á venda nese lugar. Nin internet, nin teléfono, só venda física no Principal.

 

Mofa & Befa  regresan para colocar un dos mitos contemporáneos no seu sitio: o espirito romantico.

A revolución que transformou o mundo e o converteu nun espazo de liberdade  serve agora de desculpa para a creación de cancións e filmes con sobredose de edulcorantes sintéticas. Sí, os transboleros e as afterbaladas que martirizan usuarios de transportes públicos e visitantes de centros comerciais. O romántico ficou reducido a música de cantores como Sergio Dalma, os ollares de carneiro dos galáns de novela televisiva e á memoria para lembrar os aniversarios de vodas.

Mofa e Befa, sensibel ao auténtico espirito romántico, quere lembrar os cumes treboentos, as negras sombras, os monstros feitos de materia morta, os exangues amores de vampiros prolongandose nos séculos, as mulleres dacabalo fumando pitillos e os navios errantes de matrícula holandesa.

Poderemos comtemplar a loita do monstruo de Frankenstein contra o sinistro Julio Iglesias, comparando as cicatrices operatorias. As asombrosas revelacións do psicoanalista arxentino de Rosalia de Castro. A conde Drácula cantando o afamado bolero “Pasarán más de mil anhos”. Un consultorio sentimental para mellorar a nosa relacion sentimental, e porque non, sexual, con amantes que xa morreron e que voltan en forma de estatua, de zombi ou de espirito subtil. E para o que queira levar o seu romantismo a extremos molestos para a familia, un breve manual de suicidio.

Un instructivo repertorio de Mofa e Befa que se vera completado polos luminosos esclarecimentos do doutor Cadaval e polo romántico balsamo das aveludadas melodías de Piti Sanz.

Catro monstros, catro no palco de

                MOFA&BEFA, ROMANTICOS!

Web Design by nlocal