Cranios Privilexiados

luns, 2 outubro, 2017

O novo e filosófico espectáculo de Mofa & Befa!!!

Grande Estrea o 11 de outubro no FITO de Ourense (as 20:30h no Auditorio Municipal de Ourense).

Cranios Privilexiados... ou Crítica da Razón Perralleira conta coa dirección de Carlos Santiago, a dirección de Arte de Natasha Lelenco, o espazo lumínico corre a cargo de Octavio Más e os textos orixinais son obra de Pepe Sendón e mais Carlos Santiago.

Mofa e Befa sométense a un duro exercicio espiritual poñendo en cuestión a súa propia filosofía escénica: o perralleirismo, unha filosofía baseada no principio de que todo problema ten solución, e se non a ten, non queda outra que inventala.

Nesta incursión destemida nos camiños da filosofía, todo son preguntas.  Será que se pode atopar unha resposta perralleira ás grandes preguntas da humanidade? Son os cómicos seres pensantes ou só o parecen? Hai vida antes da morte? Para que serve un concepto nunha comedia? Que é mellor, saber ou non saber o que fai a veciña do lado polas noites?

Dispostos a solucionalo todo e armados cun simple biombo, Mofa e Befa emprenden viaxe polo fascinante mundo das ideas onde serán asaltados e posuídos por todo tipo de personaxes: filósofos lucenses, domadores de circo anti-darwinianos, eremitas positivistas, cantantes sufís ou cobradores da luz con ideas propias sobre a teoría da relatividade. Un freak show de pensadores e pensamentos que non renuncia a comprender a realidade actual, por difícil que pareza.

Dous cranios privilexiados á procura de respostas, dispostos a convencernos da validez do seu método: “No perralleirismo atoparedes a verdade”.  

Trala estrea no FITO de Ourense, a xira de Cranios Privilexiados continúa polas seguintes cidades: Ortigueira (14 de outubro), Vigo (19 de outubro), Ribadeo (22 de outubro), Pontevedra (2 de novembro), A Estrada (3 de novembro), Tomiño (4 de novembro), Cangas (11 de novembro), Arteixo (15 de decembro) e xa no 2018 Santiago de Compostela (do 24 ao 27 de xaneiro), Vimianzo (3 de febreiro) e Rianxo (5 de maio). Nas vindeiras datas confirmaremos novas funcións!!!

Web Design by nlocal