Comeza a xira de Medida x Medida

luns, 7 outubro, 2019

Esta semana comeza a xira de presentación de MEDIDA X MEDIDA de William Shakespeare, o novo espectáculo de Excéntricas. Tralo grande éxito da estrea no FIOT de Carballo, da función posterior e do ensaio xeral feito ante máis de 250 estudantes de instituto, da comezo unha xira que percorrerá toda Galiza.

O punto de partida será o xoves 10 de outubro no Teatro Principal de Pontevedra (21:00h). As entradas están á venda en A Taquilla.

Ao día seguinte, venres 11, MxM estará no Centro Cívico e Cultural de Arteixo (20:45h) e rematará a semana o sábado 12 na Casa da Cultura de Muros (21:30h)

Neste 15º aniversario da sua fundación, Excéntricas convida novamente un autor que nunca pasa de moda para colaborar no novo espectáculo. Trátase de William Shakespeare, que xa ficara moi satisfeito da anterior colaboración, o triunfante espectáculo "Shakespeare para ignorantes". Lembramos a William despois da función no festival de Almagro con bágoas nos ollos: "Asi! Así! Por fin alguén entende a miña obra" Aquel era un espectáculo de fragmentos escollidos, nesta ocasión imos por na escena unha obra enteira, a sofocante, divertida, enigmática e vitriólica: "Medida x Medida", unha comedia negra que coquetea constantemente co desastre. No reparto estarán Melania Cruz, Patricia Vázquez, María Costas, Josito Porto, Santi Romay, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira (que xa protagonizaran Shakespeare para ignorantes) e na dirección Quico Cadaval que xa colaborara co autor inglés na exitosa Noite de Reis do CDG. A escenografía e o vestiario e o grafismo son de Suso Montero, que colabora de novo con Excéntricas tras “A Cabeza do Dragón”, a dirección musical de Bernardo Martínez (que tamén está en escena tocando a música en directo) e o deseño de iluminación de Dani Juncal.

"Medida x Medida" é unha produción de EXCÉNTRICAS en coprodución co FIOT co apoio de AGADIC.

Web Design by nlocal