Sempre ao lonxe

Nos últimos 15 anos a ciencia impugnou para sempre a idea ou preconceito do século XIX que afirmaba que os seres humanos pertencemos a razas diferentes. A falta de sensibilidade destes científicos que destruiu as ilusións raciais de millóns de persoas que se crian superiores, inferiores ou simplesmente distintas de outras. A superstición racial é unha parte fundamental da nosa cultura, á mesma altura que a superstición
amorosa ou relixiosa. A crenza na existencia das razas ten provocado algunha guerra, o turismo sexual, as ONGs, os tablaos flamencos, as casas de fados, o apartheid, os filmes de Fu-man-chu, o samba, a pintura de Gauguin, as misións, e obras imortais da literatura como Othello ou “As tribulacións dun chinés na China”... O desencriptado do mapa xenético humano mandou ao caixón das lembranzas todo isto. MOFA&BEFA, sempre atentos ás necesidades espirituais do seu público, decidiu meterlle o dente a esta suculenta cuestión. SEMPRE AO LONXE é o título do espectáculo resultante. Un título cheo de saudade que nos suxire, por un lado, a imposibilidade de estar no sitio certo no momento certo; e por outro lado, a cautelosa distancia desde a que acostumamos a observar aos que cremos diferentes de nós.

SEMPRE AO LONXE é un espectáculo tinxido pola vontade sempre didáctica e de servizo público que anima a MOFA&BEFA. Presentado por un inquietante padre misioneiro, tén no comezo un aspecto de velada cultural con intención benéfica. Para comezar , apreséntase un baladista milanés que acumula a información xénetica de toda a especie humana, logo veñen os romenos arousáns, especialistas na doma ritual de animais selvaxes; ocupa o centro do espectáculo un candoroso misterio medieval que
tén como motivo a alianza (ou, para sermos exactos, a simbiose)entre un cego e un tolleito, mendigos, e a viaxe que fan na busca dun milagre. Surprendentemente, esta moralidade do cego e do tolleito está cheo de resonancias de actualidade, e expón, dun modo divertidísimo,a suspeita de que as diferenzas económicas son mais determinantes
que as étnicas.

A continuación veñen os moinantes, os andarillos, os ambulantes, os que non se recoñecen parte de ningunha raza nen pertencentes a ningunha patria. Os moinantes maniféstanse aquí como adiantados ás descobertas mais recentes da ciencia.O número
que apresentan está cheo de melancolía, dignidade e neorrealismo. Esa música siciliana tocada por artistas populares conforma o momento mais intimista do espectáculo. É o descanso que precede ao furacán do astracán e do grotesco, o prato forte de SEMPRE
AO LONXE: os flamencos abertzales. Os dous grupos culturais máis definidos do territorio do reino de España únense e o resultado parece máis fruto da enxeñería xenética que dun antollo da natureza. A música alegre do tablao euskaldun coa súa mestura de de rumba e aurresku, condúcenos ao final da velada. Aí descobrimos as
verdadeiras intencións dos executantes e que intereses se agochaban atrás daquel
espectáculo benéfico ,ou como se diagora, solidario. Non faltarán momentos de auténtica emoción, alta cultura e teatro clásico. Todo isto, iso si, en doses homeopáticas, non vaia ser que se engane alguén do público.

FICHA TÉCNICA E ARTÍSTICA

Elenco: Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Piti Sanz
Autores: Quico Cadaval, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e Piti Sanz
Deseño de música: Piti Sanz
Técnico de escena: Octavio Más
Deseño do espazo escénico: Mofa & Befa
Deseño de iluminación: Octavio Más
Vestiario: Mofa & Befa
Dirección: Quico Cadaval
Distribución: Rubén G. Pedrero

Espectáculo fora de distribución

Web Design by nlocal