Da Vinci Tiña Razón!

DA VINCI TIÑA RAZÓN!: UN POLICIAL QUE NON SE PARECE A NADA

Precedido pola fama de feroz, vitriólico, desvergoñado, bufonesco e sátiro que ten o seu autor, “Da Vinci tiña razón!” parece unha obra demasiado lixeira ou superficial, para formar parte da obra de Topor.

É unha obra que imita, para mofarse, a forma da comedia burguesa de sofá e moble-bar. Todo acontece nunha luxosa casa de campo clónica inscrita nunha urbanización de nivel alto. Ao dono parece que lle vai ben na vida: é alto funcionario do estado, e recebe a visita de fin de semana do seu mais estreito colaborador, un trepa que ven para mostrar a sua nova esposa, un símbolo de status económico. A lista dos quiméricos inquilinos complétase co fillo dos propietarios, que é grande demais para que lle muden os cueiros, e unha au-pair sueca que non lle importa facerllo. Os paxaros cantan, o sol brilla e todo está tan limpo que se podería comer no chan da garaxe... até que comezan os problemas: os W.C. entúpense e non hai onde ir. Os dous funcionarios teñen que mudar o seu plano de relax de fin de semana por algo máis astrinxente: son policias e o seu deber é saber de onde sale toda aquela merda. As suspeitas crúzanse, os ollos espían de perfil, os narices enrúganse con desagrado, as sombras deslízanse na noite... Todo baixo a enigmática ollada da Gioconda, que parece dicir: En todo este asunto hai algo que cheira moi mal.

ROLAND TOPOR: O CULPABLE

Roland Topor cabalga de novo na carteleira teatral galega. A obra do artista francés xa fora representada no ano 1987 pola compañía O MOUCHO CLERC dirixida por Xoan Cejudo. Con aquel espectáculo “Da Vinci levaba razón” a compañía de Cejudo mudou o aspecto grave e funerario do teatro galego e apresenta ao público do país, que está a vivir os provocativos e descerebrados anos 80, a Roland Topor, mestre francés do humor negro e do surrealismo.

Roland Topor ten unha obra tintada destes dous elementos, o riso e o medo ao descoñecido. É obrigatorio chamarlle artista porque nos sería dificil escoller cal é a sua arte entre todas as artes que practicou con mestría: ilustrador, pintor, dramaturgo, humorista gráfico, cineasta e escritor.

Roland Topor como dramaturgo está incluido no grupo Pánico, con Jodorowski e Arrabal, os camaradas que lle sobreviviron. Debémoslle pezas como a lírica e ridícula “Un inverno debaixo da mesa” e a nosa “Da Vinci tiña razón!” subversiva e superficial. “A cociña canibal” mereceu a atención de MOFA&BEFA, aínda que inicialmente non se trata dun texto dramático. Son inesquecibles tamén os libros narrativos “As vacas negras” e “Deitarse coa raiña e outras delicias” nas que Topor explora as formas máis divertidas do noxo. Como ilustrador debémoslle uns incribles traballos para Pinochio nos anos 90. Mais na área audiovisual, que tanto ten asustado ao artista moderno é onde Topor surprende, un artista bizarro e con sinpatias polo sado-maso ten un éxito case-mundial cun producto para a infancia Telechat (aínda non comprado pola tv da Galiza) e deixa dous filmes completamente singulares, o filme de deseños animados “O planeta selvaxe” e outro con actores mascarados, o incomprendido filme “Marquis” sobre o Marqués de Sade, esa icona da cultura francesa. Como non podía ser doutra maneira, a obra de Topor interesou a Roman Polanski que fixo un filme sobre o seu romance “O quimérico inquilino”.

A fundación Luis Seoane d'A Coruña dedicoulle unha exposición en 2011, extraordinariamente coidada, sobre todo centrada na sua obra gráfica e audiovisual. Esta mostra, xunto co espectáculo estreado no 1987 por Moucho Clerc e a mítica “Ultranoite Topor” na Sala Nasa no 2001, son as únicas presenzas da obra de Topor na Galiza. Cando se completan 17 anos da morte deste artista que xuntou a contracultura, o pop e a tradición surrealista, Producións Teatrais Excéntricas, quere adiantarse á academia Francesa e render a súa particular homenaxe a este Roland Topor, tal vez o artista máis “excéntrico” da segunda metade do século XX.

¡¡¡ESTREA O 16 DE XANEIRO DE 2014 NO TEATRO PRINCIPAL DE COMPOSTELA!!!

Elenco Artístico

Evaristo Calvo

María Costas

María Garat

Víctor Mosqueira

Santi Romay

Ana San Martín

Autor

Roland Topor

Adaptación

Quico Cadaval

Iluminación

Octavio Mas

Espazo Sonoro

Piti Sanz

Vestiario

Cloti Vaello

Escenografía

Marcelino de Santiago, “Kukas”

Produción

Rubén G. Pedrero

Axudante de Dirección

Fernando Pedrido

Dirección

Quico Cadaval

Web Design by nlocal